VIII EDICIÓN TRAIL RIBEIRA SACRA
O domingo 13 de outubro foi un novo éxito para a oitava edición do Trail Ribeira Sacra, que consolida a esta proba como un referente no calendario deportivo a nivel internacional. Nesta edición, foron 390 corredores de diferentes nacionalidades os que se atreveron cos 48 quilómetros do esixente percorrido e 3.450 metros de desnivel positivo. O esforzo foi compensado, sen dúbida, polas incribles paisaxes de toda a zona do Cañón do Sil, que converten a proba no escenario perfecto para o trail.
Yasmina Castro Chacón, que completou a proba en 6:38:31, e Jesús Gil García, que bateu o récord da proba con 5:12:53, levaron os primeiros postos nas categorías feminina e masculina respectivamente, mostrando un incrible nivel de superación.
A xornada tamén destacou pola súa “gastroexperiencia TRS”, unha celebración da gastronomía local, onde os asistentes puideron gozar de produtos de altísima calidade e pratos adaptados a todo tipo de preferencias alimentarias, preparados polo chef ourensán Paco Gómez.
O Trail Ribeira Sacra non só é un desafío deportivo, senón unha oportunidade para mergullarse na riqueza cultural e gastronómica da rexión. Música en vivo, degustacións e actividades para todos os públicos completaron unha xornada inesquecible.
Desde Grupo Cuevas - Nogueira Trail estamos moi orgullosos de coorganizar este evento que combina natureza, deporte e o sabor único da Ribeira Sacra. Vémonos o ano que vén!