OS ALUMNOS DO CIFP PORTOVELLO DE XESTIÓN DE VENDAS E ESPAZOS COMERCIAIS VISITAN GRUPO CUEVAS
Durante a xornada do 29 de outubro, recibimos a visita dun grupo de 19 estudantes do CIFP Portovello, que actualmente están a cursar o segundo curso do ciclo superior de Xestión de vendas e espazos comerciais. O grupo realizou unha visita formativa clave para conectar aos futuros profesionais do sector coa práctica do comercio real do comercio e a loxística.
Marta Cid encargouse de presentar a historia e evolución de Grupo Cuevas, compartindo co alumnado os nosos valores e o enfoque que nos permite seguir crecendo cada día, adaptándonos durante case 160 anos de historia. Despois desta introdución, o grupo percorreu as instalacións da nosa plataforma loxística; unha visita a cargo de Jose Antonio Mourille, quen lles mostrou o percorrido diario da mercadoría, desde a súa chegada á central ata a distribución nos puntos de venda.
Con esta experiencia, os estudantes do CIFP Portovello puideron entender mellor os desafíos e as oportunidades na xestión loxística, un aspecto fundamental para o sector. En Grupo Cuevas levamos moitos anos comprometidos coa formación das novas xeracións, apoiando a educación práctica que tanto valor achega ao crecemento profesional.